|

Gracias
irmáns:
Aquí está a dignidade, aquí está a conciencia libre,
aquí está un pobo vivo, aquí está a honra de Galicia.
Si,
gracias irmáns:
Nós tamén invocamos hoxe aquí a protección do Santiago
Apóstolo, de Prisciliano, de Santo André de Teixido,
da Virxe do Carme, nai e señora da xente do mar, pero
invocamos sobre todo a forza do pobo, a capacidade cívica,
democrática, de nós mesmos para afrontar responsablemente
e con coraxe esta situación de emerxencia, sen que se
nos oculte a realidade, sen que se secuestre información,
sen que falte á dignidade pretendendo acalar as verdades
cun tintinar de moedas.
Si,
gracias irmáns:
Gracias a todos os que viñestes do Eo ao Miño, gracias
especialmente ás familias do mar que están aquí, co
peso da dor e destas noites de vixilia sobre os seus
ombros, e gracias tamén moi especiais a esa humanidade
sensible, alerta oa sufrimento da xente e da destrucción
da naturea, que dende todo o mundo ten enviado o seu
abrazo solidario e amosa o seu noxo e horror polo que
acontece no mar de Galicia. Un mar fonte de vida, un
excepcional ecosistema, o máis precioso horto da creación,
velaí o tedes, en permanente ameaza, convertido nun
vertedoiro de velenos, machacado pola cobiza duns e
o desleixo, o abandono doutros.
Convocados
aquí, dunha maneira libre e unitaria, en marea cívica
fornte á marea negra do Prestige e na crise e na emerxencia
en que Galicia está asolagada: Esiximos a declaración
de Galicia como zona catastrófica. Trátase dun desastre
de dimensións nacionais. Cómpre, pois, a inmediata dotación
de recursos de todo tio para reparar as graves consecuencias
económicas, sociais, medio-ambientais e para a saúde
provocadas por este sinistro. O que precisa Galciia
non son remendos paliativos senón plans a longo prazo
que contemplen o binomio tan estreitamente relacionado
de protección do medio ambiente e o emprego e benestar
da poboación.
As
institucións españolas, a Comunidade Europea e os organismos
internacionais deberían contemplar tamén a existencia
do que poderiamos chamar unha Débeda Histórica de Catástrofes,
pois temos sufrido xa seis catástrofes deste tipo e
de gravísimas dimensións en trinta anos, e é unha responsabilidade
a asumir polas institucións galegas o demandar esas
compensacións históricas. Non só quen contamina debe
pagar senón tamén quen obtivo e obtén beneficios, as
petroleiras deberían pagar.
Reclamamos
para Galicia a inmediata posta en marcha de mecanismos
de prevención que impidan que a catástrofe vaia en aumento,
coa posta a disposición dilixente dos medios económicos
e loxísticos para impedir a contaminación de novas zonas,
a intensificación nas xa contaminadas e a limpeza e
a restauración medioambiental da costa.
Reclamamos
para Galicia a adopción de medidas determinantes, ben
concretas, por parte do Goberno central e da Xunta para
que feitos como este non se volvan a repetir nunca máis.
Medidas para impedir xa, e é o momento agora, por respecto
ao loito do mar, o paso de buques que non reúnan as
garantías de seguridade, apartar o corredor marítimo
e establecer un control estricto do tráfico e do almacenamento
de mercadorías perigosas.
Reclamamos
para Galicia a dotación dun verdadeiro dispositivo de
salvamento, dun plan de emerxencia e dun operativo de
reacción inmediata para loitar contra a contaminación
mariña, con remolcadores axeitados e con buques anti-contaminantes.
Aqueles que presumen de potencia mundial, ¿non lles
cae a cara de vergoña ao ver que aí, cunha nova marea
negra nas nosas costas, non hai un só buque anti-contaminante
con pavillón español?
Reclamamos
para Galicia a ubicación nesta costa da Axencia Europea
para a Seguridade Marítima.
Reclamamos
que se impulse unha lexislación internacional que acabe
con este tipo de capitalismo delincuente, amparado na
comenencia e nos paraísos fiscais, que estraba a vida
dos pobos e dos verdadeiros paraísos do mar e da terra.
E
rematamos:
O sinistro do Prestige e o ocorrido despois, pón en
evidencia dun xeito inapelable a inexistencia de medidas
de prevención axeitadas, a ausencia de plans de emerxencia
para facer fronte a este tipo de catástrofes, a improvisación
e descoordenación nas tarefas de salvamento e loita
contra a contaminación e a total escaseza de recursos
técnicos e humanos para facer fronte a este tipo de
situacións.
Denunciamos
as responsabilidades derivadas destas deficiencias.
Reclamamos a demisión das autoridades que coa súa ineficacia
e irresponsabilidade non souberon impedir que o accidente
tivese as peores consecuencias. Dicímolo no código do
mar: Delta India Mike India Sierra India Oscar November:
Dimisión. É nas situacións críticas cando os gobernantes
teñen que estar a carón do pobo, informando realmente,
nos medios e no Parlamento, e activando os recursos
dun país.
Polycommander,
Urquiola, Erkowit, Andros Patria, Casón, Mar Exeo....
e agora Prestige. Xa non queremos contar máis. Xa abonda.
Xa estamos petroleados ata as praias da alma. Galicia,
mobilizada de exemplar, conseguiu nos anos Oitenta que
se pechara o vertedoiro de residuos radioactivos, o
cemiterio nuclear, fronte á costa de Fisterra. Pois
ben. Hoxe dicimos: NUNCA MÁIS. Que non se desprecie
máis este S.O.S dun pobo canso de aturar e sufrir. Que
se escoite en Santiago, Madrid e Bruxelas. Que se escoite
onde se teña que escoitar.
Galicia
é hoxe a humanidade que berra: ‘Nunca máis!’.
|